Melide, Cerne de Galicia

A HISTORIA 

O topónimo Melide provén do nome latino Mellitus. Inicialmente sería unha villa(m) Melliti ‘unidade de explotación agrícola ou granxa de Mellitus’. Trátase, por tanto, dun antropónimo latino, co nome do posuidor ou terratenente en xenitivo. Como tantas outras villae medievais esta explotación rural agrícola co paso do tempo vai evolucionar a núcleo poboado concéntrico e urbano.

Nun documento lucense de 747, o chamado testamento de Odoario, noméase por primeira vez o territorio de Abeancos, o que hoxe é terra de Melide, e con el unha serie de lugares onde non figura Melide. Aparecen aldeas actuales como Zaramil (Villa Salamini), Paradela (Paratella) ou Boente (Boenti), mais non Melide. As primeiras mencións históricas a Melide son de mediados do século X e principios do XI, logo de que no primeiro terzo do século IX teña lugar o descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago o Maior. Este acontecemento vai producir un movemento imparábel de todo o mundo cristián cara a Santiago de Compostela. Por Melide vai pasar o Camiño Francés e confluír o Camiño Primitivo ou de Oviedo. Este feito histórico marcará o nacemento de novas poboacións e o seu desenvolvemento na antiga terra de Abeancos, entre elas a vila de Melide.

Por volta do século IX a monarquía asturiana, posuidora do territorio de Abeancos, promove a construción dunha fortaleza sobre os restos dun antigo castro, ao redor da cal se forma o burgo vello de Melide. As loitas internas pola posesión dos dominios e polo control das vías de comunicación próximas, e as ameazas externas derivadas fundamentalmente do avance da invasión árabe, xustificaron a decisión.

A partir do século IX o crecemento incesante das peregrinaxes a Santiago de Compostela condicionará o desenvolvemento urbano no contorno do castelo ou fortaleza, para dar orixe á formación do burgo novo de Melide.

Ao longo das dúas vías principais de acceso ao castelo, agora Camiño de Santiago e Camiño de Oviedo, acaban por establecerse con carácter permanente grupos de comerciantes e artesáns atraídos polas boas expectativas de negocio que ofrecía este lugar de paso de peregrinos, tan concorrido e tan seguro. Extramuros, a carón da porta de entrada ao castelo e ao longo do camiño, o que hoxe é rúa Principal, fixan a súa residencia e o seu lugar de traballo os comerciantes, artesáns e pousadeiros medievais, formando un suburbio (suburbium), denominado nos textos da época burgo novo (novus burgos) por oposición ao burgo feudal ou vello (vetus burgus) ao que estaba unido. Aínda a finais do século XVI unha grande parte da veciñanza melidá estaba formada por pousadeiros.

En 1320 a vila é favorecida cun portádego e co amurallamento do seu burgo. Estes logros son conseguidos polo arcebispo de Santiago de Compostela, Berenguel de Lendoira, moi agradecido pola axuda que recibira do entón señor da vila, Fernán Fernández de Abeancos. A cerca rodeará o enclave comercial para a mellor defensa de posíbeis asaltos e saqueos.

Das murallas, probabelmente derrubadas durante a revolta irmandiña, non se conserva hoxe nada, xa que na sesión do 12 de xaneiro de 1841 o Concello acordou sacar a poxa os últimos restos.

 A comunidade de comerciantes e artesáns non tardará en desbordar os estreitos límites desta muralla e ocupará primeiramente as marxes dos camiños de peregrinacións (Camiño Francés e Camiño de Oviedo) para despois asentarse pouco a pouco nos terreos próximos.

Así nas aforas do recinto fortificado, ao carón do Camiño de Santiago, a comunidade de comerciantes promoverá a construción da igrexa de San Pedro. Perto dela, na outra beira do Camiño de Santiago, aparecerán posteriormente o primeiro hospital medieval de peregrinos (sobre o que se ergueu o actual edificio do Museo da Terra de Melide) e un enclave franciscano, o primeiro mosteiro de Sancti Spiritus, fundado no século XIV.

Murallas-de-Melide

Entre 1467 e 1469 a Xunta da Santa Irmandade do Reino de Galicia, xerme da actual Xunta de Galicia, vai ter cinco grandes reunión. A gran primeira xuntanza, e nacemento da dita Xunta, vai ser en Melide. Elíxese a vila pola súa privilexiada localización: “Porque era en la meitad del Reino”.

No século XV xorden ou adquiren un significado social e político que antes non tiñan en Galicia novas liñaxes, entre elas os Ulloa, que dominarán durante todo este século Melide.

O feito máis salientábel, arquitectonicamente falando, dos Ulloa en Melide, foi a reconstrución da igrexa do convento de Sancti Spiritus por volta de 1498, promovida por Sancho Sánchez de Ulloa.

Do século XVII é a fundación e edificación da Obra Pía de San Antón, pazo barroco con capela dedicado inicialmente ao ensino.

IMG 9729

Durante o século XVIII amplíase a igrexa do convento de Sancti Spiritus e constrúese a súa actual fachada barroca.

En 1835 levouse a cabo a desamortización do convento, o cal, logo de ser abandonado, se converte en 1840 en igrexa parroquial.

praza

Melide tamén terá o seu protagonismo na Guerra da Independencia. No mes de xuño de 1809 as tropas napoleónicas estaban acampadas en Melide. Eran batallóns que o francés Marconet, que ocupaba a cidade de Santiago, tiña acampados na vila de Melide. A presenza dos soldados franceses en Melide provoca que os melidaos e melidás se mobilicen rapidamente contra eles. Os vecinos e veciñas comezan a fustigar os franceses e a causarlles baixas. Isto fai que o xeneral Marconet reforce a garnición de Melide con tropas de refresco. O comandante do batallón de Monforte de Lemos, Antonio Ponce, tivo noticias da chegada destes reforzos e determinou, en compañía do franciscano padre Conde, saír ao encontro dos franceses.

O 17 de xuño de 1809, a avanzada (a partida de soldados que se adianta ao corpo principal para observar de preto o inimigo ou investigar –inquirir- a súa situación) bateu cunha partida de franceses que saíran da vila para procurar provisións polas súas aldeas e mataron a sete soldados franceses e poñen en fuxida os demais.

Cando entran en Melide, segundo consta no parte que o comandante do citado batallón de Monforte de Lemos enviou ao Marqués de la Romana, o tenente da avanzada, José Quiroga, calculou a presenza de non menos de 3000 soldados franceses con bastante cabalaría. O batallón de Monforte non pasaba de 800, e deles máis da metade desprovistos de fusís e aínda aqueles que os tiñan estaban desprovistos de baionetas. Mais convencido do valor e coraxe dos seus, fai un alto en San Benito (Concello de Santiso) e decide atacar aos franceses en Melide. Na mañá do 18 de agosto o batallón de Monforte sitúase estratexicamente na entrada de Melide. Os franceses situados no alto do Castelo abren fogo contra eles, mais protexidos con táboas (parapetos) e polos valos dos terreos seguen avanzando cara a Melide. Segundo o padre ministro do convento franciscano de Melide, o batallón de Monforte, xunto cos veciños de Melide, uns con armas de fogo e outros con chuzos, avanzaron cara aos franceses sen temor ao fogo inimigo e estes retrocederon e fuxiron, deixando inclusive os seus mortos.

GFacebookTwitterYoutube