Melide, Cerne de Galicia

Os consellos da cociñeira

Como facer un polbo no seu punto.

Nunha pota de aceiro inoxidábel botamos auga e  poñémola a ferver. Cando xa estea fervida collemos o polbo e metémolo na pota, sempre coa cabeza cara abaixo e os tentáculos cara arriba. Cando botamos o polbo, a auga deixa de ferver polo que hai que deixar que bote a fervedoira e telo así en auga fervendo durante vinte minutos.

O polbo bótase a cocer até que estea cunha textura branda, unha cor escura e as patas abertas. Os tres fundamentos dunha boa cocedura son “o fervor, a cocción e o repouso”. Para saber se o polbo está ben cocido pódese pór enriba dunha superficie e apertar cun dedo nun tentáculo. Se o dedo penetra dun xeito sinxelo o polbo estará ben cocido mais se non logra penetrar e as patas ficaxen ríxidas precisará de máis cocción. Tamén é importante saber que se o polbo ficase coas patas abertas e brandas, este tería a cocción exacta.

Unha vez que o polbo xa este cocido, pícase (córtase) cunhas tesoiras afiadas. Tamén se lle tira a pel que está ao carón das patas e logo escórrese ben a auga. Para finalizar, bótaselle un pouco de sal gordo, picante, se é posíbel de La Vera, e aceite de oliva virxe.

 

GFacebookTwitterYoutube